Localizando a poza da Lama

Localizamos a poza da Lama, no Campo

Repaso fotográfico á zona da poza, que hoxe "está feita un bosque"

O paso, hai uns días, pola beira da poza da Lama levoume a pegar un ollo a varias fotos, sobre todo desde diferentes páxinas, onde consultamos vistas aéreas. Dende o chan, como non saibas que a poza está alí, é difícil imaxinar que aí está un depósito de auga. E é que está, como dicimos máis dun en Louredo, "feita un bosque". A terra que a auga transporta, que se decanta e sube o nivel do chan da poza, xunto cunha silveira impresionante, ocultan un socorrido depósito acuífero. Aí, de neno, puiden ver un curioso método de medir os turnos de rega

Á hora de regar, como se sabía cando che tocaba? Porque unha mesma poza podía estar dividida entre varios veciños. Ás veces estaba moi dividida, así que se lle prestaba moita atención a que o outro non che levase da túa. Eso se non te puñas de parola e se che pasaba. Como saber cando che tocaba? Recordo, e pregunto a meus pais por se acaso, como se facía na Poza da Lama. Collíase un milleiro e uns pauciños. Todo esto servía como marca de altitude para medir os turnos e a cantidade de auga. O milleiro, vertical, era atravesado, en parte, polos pauciños; un enriba doutro, a diferentes distancias. Cada tramo era un turno. O milleiro apoiábase nunha determinada pedra da poza e íbase consultando para saber cando remataba un e comenzaba o outro. Como se establecía cada intervalo? Cunha folla dese milleiro. Dobrábase tantas veces como turnos, tendo sempre en conta se tiñas un, medio ou un quinto. Mediante as dobreces botábase conta e medíase a altura de auga. Non faltaron as trampas. Unhas veces o que collía o milleiro non o apoiaba de todo na pedra, ou facíao cunha lixeira inclinación. A cousa era arrepañar auga con trucos así. Claro, era de vital importancia que a poza tivese auga en abundancia, de modo que chegase para todos. De aí a preocupación por ir ver, ás veces o día antes, que a boca da poza estivese ben pechada. Para elo tirábase de terróns e pedras, evitando a saída da auga. Tamén procuraba un pechala ben despois de usala. Todos o facían? Ben, sempre hai pícaros e algún ía regar cando inda era de noite. Auga non sempre había dabondo e mirábase moito polo cumplimento dos turnos, así como os que se sobrepasaban.

Tamén me interesa localizala e mostrar a súa existencia, pois vouna localizar nun par de servicios públicos: Galicia Nomeada (xa está fichada) e Open Street Map. Cada un destes espazos dispoñen dun lugar destinado a describir o lugar sinalizado. Se nos fiamos polas fotos satelitais, de seguro que non diriamos que alí hai unha poza, pois a cor verde da silveira que a tapa dá a impresión de ser un terreo máis.

En primeiro lugar, as dúas fotos a pé de camiño, onde se ve a silveira e os restos de madeira que tapan un burato, onde se atopa a boca da poza. Saqueinas e publiqueinas, tamén, como referencia a un carreiro en costa que está a un paso: A Escadiña.


 Agora unha captura do visor de Galicia Nomeada, onde xa figura esta poza.

 

Un servizo actual e que uso bastante é o de Google Maps. Non só o consulto, senón que teño aportado varios datos e fotos, algunhas de Louredo. Pois ben, se agora mesmo acerco a zona e saco captura, sae así, a poza de cor verde, sen distinguirse das terras do arredor.


Vouna distinguir...

 

Diciávos antes que quería localizar este punto para compartilo nun lugar público. Este é Open Street Map, un mapa mundial onde podes participar, xa sexa individual ou colectivamente. Eu fixera, hai anos, uns aportes pequechos e deixara o tema. Agora retomeino e espero volcar alí parte do que sei e atopo sobre san Xoán de Louredo. O mapa que usan admite bastante "zoom", inda que perde moita calidade. A ver que tal retrata o sitio da poza da Lama.

 

A cousa non vai nada ben, verdade? Non se distingue dos terreos circundantes. Ben, pois usemos outro visor. Desta vez, o do Catastro. A parcela é a 211, no polígono 8, cos seguintes datos:

Referencia catastral
Localización

Clase
uso primario
Localización
Representación gráfica

 

Outro que tal anda: fotos que mostran o abandono do lugar, tapado por unha frondosa capa de silvas. Pois ben que está difícil dar ca poza!

Volvo a pé de camiño. Un dos mellores sitios onde buscar fotos de Louredo, Cortegada, é o álbum de Flickr do usuario Rafaeliux. Por desgraza, hai anos que non o actualiza, pero é toda unha referencia, pola cantidade de lugares fotografados. A revisión será visual, pois unha busca polo nome do lugar non lanza resultados positivos. Paciencia e adiante.

Aquí vai unha. En primeiro plano, a poza da Lama, véndose moi ben o barrio dos Veciños.

 

Foto de 2010. A que vedes un par de elementos que xa non son iguais? Pista: unha casa e unha árbore.

Non atopei nada máis en Flickr e Twitter tampouco me trouxo resultados positivos. Voltamos ás fotos dende o ceo, gracias ó servizo 'Fototeca Digital' do IGN. 

Descrición deste recorte:

Realizado por encargo de los Ministerios de Agricultura, Defensa, Hacienda y del Instituto Geográfico y Catastral (actual Instituto Geográfico Nacional). Fechas de vuelo de 1973 a 1986. Fotogramas en blanco y negro escala de vuelo aproximada 1:18.000.

Ollo á sombra que proxecta a parte que dá cara o camiño, a parte da boca da poza.

No voo de 2004, "Vuelo fotogramétrico del Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA) del año 2004, con escala de vuelo aproximada de 1:30.000", vese moi ben a silueta da poza, inda que a cor verde xa a posúe.

 

O mesmo pasa en 2008.


 2020... a ver quen di onde está...


 

Comentarios