Notas sobre a igrexa parroquial de san Xoán de Louredo

A igrexa de san Xoán de Louredo ten o posto 4 (consulta 07-03-2022) dentro das fichas máis consultadas de Galicia Nomeada, polo que quero mellorar a información. Aquí vos propoño un borrador, aberto a tódalas correcións e comentarios que desexedes facer.

O templo parroquial de san Xoán de Louredo está adicado a san Xoán bautista, sendo a festa patronal o 24 de xuño, data precedida de novena. Algunha vez se celebrou novena, tamén, para celebrar o día do martirio, o 29 de agosto, pero o normal é que se celebre Misa ese día, sen máis. A parroquia pertence ó arciprestado de Ribadavia, sendo parte do de Cortegada anteriormente. Foi no 2013 cando este desapareceu e se pasou a aquel, na última reforma arciprestal diocesana, baixo o pastoreo de monseñor Leonardo Lemos Montanet. 

De sinxela feitura, consta de unha sola nave, con espadaña sobre porta maior, con espazo para dúas campás, e dous pequenos locais a ambos lados do presbiterio, sendo un a sacristía e o outro un almacén. As campás levan dous anos diferentes: a grande é de 1923, mentres que a pequena é de 1953, sendo o fundidor Malingre (desde mesmo ano e fundidor é a estatua de bronce dedicada a monseñor Francisco Blanco Nájera, sita no claustro do Seminario Maior de Ourense). Segundo testemuña da época, as dúas campás eran do 23, pero a pequena rachou e refundiuse. Nos laterais do templo sobresaen dous contrafortes en cada lado. 

Daquel mesmo 1923 é o peche de pedra do diestro, tal como reza a gravación, resaltada con pintura negra, hoxe visible en ámbalas dúas columnas da porta de entrada. Dúas son as portas da igrexa: a maior, tendo a ambos lados dúas cruces de pedra branca que recordan sendas "santas misiones", que mira cara o Noroeste, e a lateral, que mira po Leste. Que a igrexa non fora alineada como outras, ca cabeceira cara o Leste, din algúns que foi polas dificultades de adaptala ó terreo. 

Tres son os retablos, de factura local, da man do artista de Remuíño, José "O Choio". Segundo se mira cara o altar maior, o da esquerda contén figuras de varios santos: san Antonio abade na cima, debaixo del santo Antón de Padua, ca Virxe do Carme á súa esquerda e santa Rita á dereita; o da dereita está adicado a diferentes advocacións marianas: na cima a Virxe de Luján, estando por debaixo a Inmaculada (ou Ascensión), acompañada da de Fátima á esquerda e a Dorosa á dereita; e no central temos no alto un Neno Xesús que aperta á cruz, por riba dunha preciosa talla en madeira do patrono san Xoán, que se acompaña do Sagrado Corazón á esquerda e san Xosé á dereita. Fóra de altar, nunha peana, á esquerda, agochado polo púlpito, a imaxe procesional do bautista, de sinxela feitura e material; á dereita, unha pequena virxe de corte románico, polícroma; finalmente, un cristo articulado, alineado ca porta lateral, que hai anos servía para celebrar o desencravo con certa solemnidade, colocándose logo nunha urna de madeira e cristal. As dúas imaxes das peanas laterais, di a xente que viñeron da vella capela de Louredo, sita no barrio homónimo, hoxe desacralizada, trala súa venda a un particular.

De palabra, don Pepe, veciño de Louredo e gran entusiasta da súa historia, contaba que o arquitecto Daniel Vázquez Gulías tivo parte nos planos do templo. Nun artigo, don Enrique Bande recolle o mesmo dato. Tamén nunha nota histórica publicada na parroquia en 2003.

En carta do 4 de xullo de 1913, publicada no Boletín diocesano, o rvdo. Constantino Rodríguez dá unha serie de interesantes datos: que a igrexa é de nova construción, que foi inaugurada o día da festa de san Xoán, que se trasladaron imaxes de santos e o Santísimo desde a vella igrexa á nova, que a construción desta levou 6 anos,... Tal festexo foi recollido por algúns periódicos da época, en brevísimas notas.

A mentada nota histórica parroquial de 2003 contén moi interesante e sintetizada información: o coadjutor Constantino Rodríguez obtén permiso diocesán para a construción en 1895, en 1904 faise cargo do proxecto don Daniel V. Gulías, as obras irán en dúas partes con diferentes contratistas (1907 e 1911)...

Artigo Enrique Bande
 



Comentarios