Cando andaba eu por aqueles pobos do monte Penamá, en Allariz, souben da novena e festa do san Antonio de Seoane. A primeira celebración parroquial, despois da festa do Nadal, onde a xente se xuntaba polas tardes para a Misa e novena a san Antón, o abade exipcio do século IV. Daquel paso quedoume a relectura da 'Vita Antonii', de san Atanasio de Alexandría, e a toma dunhas notas que, agora, coincidindo ca memoria do santo, vos comparto, en persoal tradución á lingua nai. Van a modo de lectura para novena.
Día 8: I.
Antonio foi exipcio de nacemento. Ía á igrexa cos seus pais, e aí puña atención ás lecturas e gardaba coidadosamente no seu corazón o proveito que extraía delas. Despois da morte dos seus pais quedou só cunha única irmá, moito máis nova. Tiña entón uns dezaoito ou vinte anos, e tomou coidado da casa e da súa irmá. Menos de seis meses despois da morte dos seus pais, ía, como de costume, de camiño cara á igrexa. Mentres camiñaba, ía meditando e reflexionaba como os apóstolos o deixaron todo e seguiron ó Salvador; como, segundo refírese nos Feitos, a xente vendía o que tiña e púñao ós pés dos apóstolos para a súa distribución entre os necesitados; e que grande é a esperanza prometida nos ceos ós que obran así. Pensando estas cousas, entrou á igrexa. Sucedeu que nese momento estaba a lerse o evanxeo, e escoitou a pasaxe no que o Señor di ó mozo rico: Se queres ser perfecto, vende o que tes e dállo ós pobres; logo ven, sígueme, e terás un tesouro no ceo. Antonio saíu inmediatamente da igrexa e deu a propiedade que tiña dos seus antepasados. Non quixo que nin el nin a súa irmá tivesen xa nada que ver con ela. Vendeu todo o demais, os bens mobles que posuía, e entregou aos pobres a considerable suma recibida, deixando só un pouco para a súa irmá.
Procesión do san Antón, abade, en Seoane de Allariz, o 17-01-2007
Fíxate como vai o san Antón de Padua detrás
Día 9: II.
Antonio colocou á súa irmá onda virxes coñecidas e de confianza, entregándolla para que fose educada. Entón, el mesmo dedicou todo o seu tempo á vida ascética, atento a si mesmo, preto da súa propia casa. Por aquel tempo había na aldea veciña un ancián que desde a súa mocidade levaba a vida ascética na soidade. Cando Antonio o víu, "tivo celo polo ben" e estableceuse inmediatamente na veciñanza da cidade. Afirma o Papa acerca da oración: A nosa oración con moita frecuencia é petición de axuda nas necesidades. E é normal para o home, porque necesitamos axuda, temos necesidade dos demais, temos necesidade de Deus. Deste xeito, é normal para nós pedir algo a Deus, buscar a súa axuda. Debemos ter presente que a oración que o Señor nos ensinou, o «Noso Pai », é unha oración de petición, e con esta oración o Señor ensínanos as prioridades da nosa oración, limpa e purifica os nosos desexos, e así limpa e purifica o noso corazón. Agora ben, aínda que de seu é normal que na oración pidamos algo, non debería ser exclusivamente así. Tamén hai motivo para agradecer e, se estamos un pouco atentos, vemos que de Deus recibimos moitas cousas boas: é tan bo connosco que convén, é necesario darlle gracias. E debe ser tamén oración de encomio: se o noso corazón está aberto, a pesar de todos os problemas, tamén vemos a beleza da súa creación, a bondade que se manifesta na súa creación. Por tanto, non só debemos pedir, senón tamén encomiar e dar gracias: só deste xeito a nosa oración é completa.
Día 10: III.
Pero o demo que odia e envexa o bo, non podía ver tal resolución nun home novo, senón que se puxo a empregar as súas vellas tácticas contra Antonio. Primeiro tratou de facelo desertar da vida ascética lembrándolle a súa propiedade, o coidado da súa irmá, os apegos do seu parentela, o amor ó diñeiro, o amor á gloria, os innumerables praceres da mesa e de todas as cousas agradables da vida. Finalmente, fíxolle presente a austeridade de todo o que vai xunto con esta virtude, espertou na súa mente toda unha nube de argumentos, tratando de facelo abandonar o seu firme propósito. O inimigo viu, con todo, que era impotente ante a determinación de Antonio, e que máis ben era el que estaba a ser vencido pola firmeza do home, derrotado pola súa sólida fe e a súa constante oración. O inimigo quería suxerirlle pensamentos sucios, pero el disipábaos coas súas oracións; trataba de incitalo ó pracer, pero Antonio, sentindo vergoña, cinguía o seu corpo coa súa fe, coas súas oracións. El encheu os seus pensamentos de Cristo, reflexionou sobre a nobreza da alma creada por El, e sobre a espiritualidade, e así apagou o carbón ardente da tentación.
Santo Antón de Louredo, o de xaneiro, o que din "verdadeiro"
Día 11: IV.
Chegou unha noite o anxo caído cun gran número de demos e azoutou a Antonio tan implacablemente que quedou tirado no chan, sen fala pola dor. Pola providencia de Deus, porque o Señor non abandona ós que esperan nel, o seu parente chegou ó día seguinte traéndolle pan. Cando abríu a porta e viuno tirado no chan como morto, levantouno e levouno ata a igrexa e depositouno sobre o chan. Moitos dos seus parentes e da xente da aldea sentaron ó redor de Antonio como para velar o seu cadáver. Pero cara á medianoite Antonio recobrou o coñecemento e espertou. Cando viu que todos estaban durmidos e só o seu amigo estaba esperto, fíxolle acenos para que se achegase e pediulle que o levantase e leváseo de novo ós sepulcros, sen espertar a ninguén. O home levouno de volta, a porta foi trancada como antes e de novo quedou só dentro. Polos golpes recibidos estaba demasiado débil como para manterse en pé; entón oraba tendido no chan. Terminada a súa oración, gritou: "Aquí estou eu, Antonio, que non me acovardei cos teus golpes, e aínda que máis me dés, nada me separará do amor a Cristo". Entón comezou a cantar: "Se un exército acampa contra min, o meu corazón non treme".
Día 12: V.
Achegándose á porta do seu peche no deserto aconsellou ós seus coñecidos que se fosen e non tivesen medo. Díxolles: "Só contra os que teñen medo os demos conxuran fantasmas. Vós agora facede o sinal da cruz e volvede á vosa casa sen temor, e deixade que se toleen eles mesmos." Entón fóronse, fortalecidos co sinal da cruz, mentres el quedaba sen sufrir ningún dano dos demos. Este é o poder da fe, da que nos di o Papa Benedito XVI: A fe é acoller esta mensaxe transformadora na nosa vida, é acoller a revelación de Deus, que nos fai coñecer quen é El, como actúa, cales son os seus proxectos para nós. Certo: o misterio de Deus segue sempre máis aló dos nosos conceptos e da nosa razón, dos nosos ritos e das nosas oracións. Con todo, coa revelación é Deus mesmo quen se auto-comunica, relátase, faise accesible. E a nós fainos capaces de escoitar a súa Palabra e de recibir a súa verdade. Velaquí entón a marabilla da fe: Deus, no seu amor, crea en nós as condicións adecuadas para que podamos recoñecer a súa Palabra. Deus mesmo, na súa vontade de manifestarse, de entrar en contacto connosco, de facerse presente na nosa historia, fainos capaces de escoitarlo e de acollerlo. San Pablo exprésao con alegría e recoñecemento así: «Damos gracias a Deus sen cesar, porque, ó recibir a Palabra de Deus, que vos predicamos, acolléstela non como palabra humana, senón, cal é en verdade, como Palabra de Deus que permanece operante en vós, os crentes».
Procesión en Seoane, na festa de san Antón
Día 13: VI.
Así pasou case vinte anos practicando só a vida ascética, non saíndo nunca e sendo raramente visto por outros. Despois disto, como había moitos que ansiaban e aspiraban imitar a súa santa vida, e algúns dos seus amigos viñeron e forzaron a porta botándoa abaixo, Antonio saíu como dun santuario, como un iniciado nos sacros misterios e cheo do Espírito de Deus. Foi a primeira vez que se mostrou fóra do fortín ós que viñeron cara a el. Cando o viron, estaban asombrados ó comprobar que o seu corpo gardaba a súa antiga aparencia. Tíñase completamente baixo control, como home guiado pola razón e con gran equilibrio de carácter. Por el sanou Deus a moitos dos presentes que tiñan enfermidades corporais e liberou a outros de espíritos impuros. Concedeu tamén a Antonio o encanto no falar; e así confortou a moitos nas súas penas e reconciliou a outros que se pelexaban. Exhortou a todos a non preferir nada neste mundo ó amor de Cristo. E cando no seu discurso exhortounos a lembrar os bens vindeiros e a bondade mostrada a nós por Deus, "que non perdoou ó seu Fillo, senón que o entregou por todos nós”, induciu a moitos a abrazar a vida monástica. E así apareceron celas monacais na montaña e o deserto poboouse de monxes que abandonaban ós seus e inscribíanse para ser cidadáns do ceo.
Día 14: VII.
Un día en que el saíu, viñeron todos os monxes e pedíronlle unha conferencia. El faloulles como segue: Cando oiades falar da virtude, non vos asustedes nin a tratedes como palabra estraña. Realmente non está lonxe de nós nin o seu lugar está fóra de nós; non, ela está dentro de nós, e o seu cumprimento é fácil camiño; pero nós non temos necesidade de pornos en camiño polo reino dos ceos nin de cruzar o mar para alcanzar a virtude. O Señor díxonolo de antemán: "O reino dos Ceos está dentro de nós e brota de nós." A virtude existe cando a alma mantense no seu estado natural. "Mantede íntegro os vosos corazóns ante o Señor, o Deus de Israel"; "Endereitade os vosos camiños". A alma é dereita cando a mente mantense no estado en que foi creada. Pero cando se desvía e se pervirte da súa condición natural, iso chámase vicio da alma. A tarefa non é difícil: se quedamos como fomos creados, estamos en estado de virtude, pero se entregamos a nosa mente a cousas baixas, somos considerados perversos. Se este traballo tivese que ser realizado desde fóra, sería en verdade difícil; pero dado que está dentro de nós, coidémonos de pensamentos sucios. E recibindo a alma como algo confiado a nós, gardémola para o Señor, para que El poida recoñecer a súa obra como a mesma que fixo.”
Altar de Louredo, cos san Antón
Día 15: VIII.
Despois disto, a persecución de Maximino (no ano 311), que irrompeu nesa época, abateuse sobre a Igrexa. Cando os santos mártires foron levados a Alexandría, el tamén deixou a súa cela e seguiunos, dicindo: "vaiamos tamén nós a tomar parte no combate se somos chamados, ou a ver ós combatentes." Tiña o gran desexo de sufrir o martirio, pero como non quería entregarse a si mesmo, servía ós confesores da fe nas minas e nas prisións. Afanábase no tribunal, estimulando o celo dos mártires cando os chamaban, e recibíndoos e escoltándoos cando ían ao seu martirio, quedando xunto a eles ata que expiraban. Di o Papa acerca da fe: O encontro con Cristo renova as nosas relacións humanas, orientándoas, de día en día, a maior solidariedade e fraternidade, na lóxica do amor. Ter fe no Señor non é un feito que interesa só á nosa intelixencia, a área do saber intelectual, senón que é un cambio que involucra a vida, a totalidade de nós mesmos: sentimento, corazón, intelixencia, vontade, corporeidade, emocións, relacións humanas. Coa fe cambia verdadeiramente todo en nós e para nós, e revélase con claridade o noso destino futuro, a verdade da nosa vocación na historia, o sentido da vida, o gusto de ser peregrinos cara á Patria celestial. Pero preguntémonos: a fe é verdadeiramente a forza transformadora na nosa vida, na miña vida? Ou é só un dos elementos que forman parte da existencia, sen ser o determinante que a involucra totalmente?
Día 16: IX.
Epacta 2022 |
Comentarios
Publicar un comentario