Louredo nomeado

Louredo nomeado

Con esta denomación vou crear un álbum en Facebook sobre san Xoán de Louredo, do concello de Cortegada, arciprestado de Ribadavia, exclusivamente dedicado á toponimia louredesa. Lonxe de matices e catalogacións exhaustivas, a idea é sinxela: porlle nomes a Louredo. Nomes de camiños, barrios, terras, fontes, cruceiros... Facelo sacando á luz diferentes mapas do pobo e algunhas vistas onde identificar terreos nomeados. Pode que algún documento, tamén.

Parte de Louredo visto dende O Tabolado

Unha vez recortados os mapas e aportadas as vistas do pobo, queda animar á xente a que comparta coñecementos e recordos. Se me fío da experiencia, esto vai ser difícil e abocado ó fracaso. Pero paga a pena un último intento. Ver que hai xa en liña e enriquecer os datos sobre o pobo na Rede. Recuperar o publicado en distintas fontes, amplialo e ofrecelo para que máis xente aporte. Porque o importante non é o que eu teña recollido, senón o que outros poidan confirmar ou rectificar, ademais de aumentar. Sacando de fontes públicas, verter nelas o que bule no dicir e contar dos veciños. 

Unha mañá de arada en Pedradas
 

O que se recolla neste proxecto hai que compartirlo en novos formatos. Unha vez se esgoten as fontes e a xente deixe de interesarse e comentar, tocará volcar os datos en, alomenos, dous lugares: Galicia Nomeada e OpenStreetMap. Os investigadores de cada espazo poderán contar cun álbum de consulta na rede social Facebook, onde ver en que fontes me baseei para poñer o que poña nos anteditos espazos colaborativos.


Esto vai máis alá da recollida persoal de datos, xa que aporta o parecer, por escrito, doutras persoas, veciños do pobo, especialmente. Nun só ámbito colocariamos unha serie de fontes en liña, ás que engadiriamos o noso saber. E cada datos estaría público, para que os usuarios que coñezan o pobo poidan consultar, rectificar ou mellorar o publicado.

Nestas semanas pasadas apenas hai novas publicacións sobre o pobo, non por faltar material, alomenos se falo a nivel persoal, senón por descanso. Senta ben deixar de lado tal sinxela actividade, de modo que se poida ver o xa feito, consultar posible material para futuras publicacións e pensar algo que sexa novidoso. Paga a pena máis, eu penso, repasar o doutros meses e ligar publicacións, de modo que unhas leven a outras e se obteña un retrato máis amplo do pobo e algunhas das súas zonas. Tamén se detectan os ocos libres de información.

Estou contento co posto durante o verán (xa pasou? Que rápido!) e últimas semanas de primavera, onde atendín a detalles, á flora, algúns traballos e devocións, tanto de Louredo como dos arredores. Novenas e festas como a de san Xoán bautista, san Benito e santa Mariña, marcan fitos na vida dos pobos da contorna. Non son as únicas, mais si que as vivimos dende novos, seguindo a estela dos nosos maiores. Este ano, como o pasado, a novena de san Xoán foi motivo de algúns descubrimentos e curiosidades, que vos invito a repasar. De novo, o texto oracional usado no pobo foi publicado. No aire queda algunha novidade, como é o texto dunha nova novena (e é a segunda descuberta) que coincide ca que coñecemos en Louredo.

 

Unha vez máis, quero recordar que non me puxen a compartir sobre o pobo para ensinar, senón para compartir, para animar a outros con mellor material e verbo máis florido a escribir e deixar memoria de Louredo.


 

Comentarios