San Benito do Rabiño 2020
Este ano 2020, a festa do 11 de xullo vai pasar con penas e, quizás, pouca gloria, por aquilo da pandemia e o medo da xente. Pero, sabedes?, a parroquia non se arredra e vai celebrar unha misa máis das que soe celebrar, ás sete da mañá. Cas debidas medidas de hixiene e seguridade. Haberá procesión?
San Benito do Rabiño coñece dúas festas: a da súa morte (como manda a tradición, mais en desacordo co actual calendario litúrxico) e da traslación dos seus restos a Montecasino (única festa recoñecida para a Igrexa Universal). A primeira o 21 de marzo e a segunda o 11 de xullo. Aquela recibe a denominación de san Benito do inverno e esta a de san Benito do verán. Moita xente chegaba ata o templo barroco, especialmente nestas datas, incluso chegaron buses dende Bueu, nos últimos anos do párroco don Delmiro, e había grupos, como algún de Cartelle, que chegaban a pé, nunha particular peregrinación.
O lugar axuda a recollerse. Pola parte do altar péchanse os montes en torno, creando unha ladeira verde, mentres que a vista se expande dende a porta maior, ata dar cos montes fronteirizos de Pontevedra e Portugal. Inda que se soe tirar de coche, unha andaina polos camiños cercanos depara un bo rato de calma. Aquí a fe atópase ca historia e a superstición: se tirades cara Seixomil, atoparedes un pazo; cara Louredo, restos petroglíficos e un pazo; cara Soutelo, muíños, un cruceiro en curioso equilibrio, unha fesca fonte de auga e a casa grande, a Granxa, onde morou por tempadas a "virxe", ou bruxa, Conchita, que tiña fillos e disque poderes de adiviñación e sanación.
Fíxate no templo
A igrexa é ampla, cunha nave central onde os bancos, marcados agora para
poder manter as distancias sociais, deixan espacio para un bo pasillo
central. Dende a porta grande pode un admirar todo o interior,
especialmente os arcos e o retablo central, mais non pode olvidar o
viador que debe subir ata case o presbiterio para descubrir máis.
Dúas
capelas laterais dan espacio para un retablo, porta de sacristía e
confesionario, á esquerda. Á dereita temos outro retablo e a imaxe
procesional de san Benito. É a máis coñecida e fotografiada, pero non a
única, pois outra maior atrae as miradas no altar. A pequeña, que está
conformada por cabeza e mans, sendo o resto armazón cuberto por un manto
negro, é a que soe aparecer nos cadros, estampas e portadas de novenas.
Sen dúbida, a súa faciana é máis amable, pois a do prebiterio ten un
tono sombrío, serio. Tomando a vida que lle dedicou san Gregorio magno,
parecerá que reflexa algún momento no que tira contra os pagáns e
derríballes estatuas, templos e ata lle queima árbores sagradas. Tamén
podería recordar o seu ascetismo ou a concentración na redacción da
Regla e o seu cumprimento.
A imaxe das estampas está sorrinte, os seus ollos reflexan calma e
cunha man fai o aceno de bendición. Poderiamos ler, entre as dúas
imaxes, un ciclo de ascese e disfrute, de renuncia e consecución, de
camino e metas conseguidas, das dificultades e as alegrías. Durante a
novena non só se lle reza, senón que o texto percorre a vida do santo e
fai consideracións espirituais para quen queira imitalo. A devoción ós santos, como recoñece máis dunha vez don Ramiro González Cougil nos seus escritos, pasa especialmente polo sentimento e pola fama milagreira, pero hai outras dimensións a redescubrir: a súa comuñón con Cristo, a dimensión eclesial-comunitaria e a imitación actual.
A maiores, non deixes de fixarte nos medallóns, tanto da igrexa como da sacristía. E, xa postos, nos do humilladoiro, situado ante a fonte-lavadoiro, preto do camiño que sube cara Soutelo.
Un cruceiro de denominación atípica
Na provincia de Ourense eu só vin dous cruceiros cubertos: este, do Rabiño, e o de Marrubio, preto de Montederramo, que chama a atención pola policromía que inda conserva. O do Rabiño non. Hoxe pode disfrutarse e verse moi ben, tanto o cruceiro, cas imaxes do Cristo e a Virxe, como os medallóns da bóveda. Hai anos vendíanse aquí exvotos de cera, tendo os vans tapiados con madeira. Agora é un fino traballo de sinxelas rellas o que protexe o cruceiro. Un detalle do que non teño constancia documental nin liña escrita na Rede é o das inscricións que rodean o templete, xusto debaixo das tellas. Tratarase de xaculatorias, oracións de petición?
En galego, A Real Academia non conserva o termo "humilladeiro", senón "milladoiro", que é a referencia do cartel informativo que se atopa onda as escaleiras que suben cara a igrexa e o cemiterio. En castelán si se admite e conserva o termo no dicionario. Unha investigación actual, presente nas actas do V Congreso sobre cruceiros, da que recollo aquí só o inicio, aporta citas que dan fe da antigüedade do termo.
A imaxe do Rabiño que se venera preto de Madrid
Como chegou unha copia da súa imaxe a esta cidade de Los Molinos?
O que se sabe é que unha veciña de Los Molinos (Madrid) recibe a mala nova de que sofre cancro de lingua. Un amigo da provincia de Ourense recomenda que se encomende a San Benito do Rabiño, santo "milagreiro". Así que ela toma a decisión de rezarlle e ir ó seu santuario.
Fai unha ofrenda de cera, unha figura que representa a súa lingua enferma e en pouco tempo sucede o que pedira: o cancro desaparece sen máis.
A protagonista considérao un milagre, xa que sucede despois da oración ó santo. Ordena unha réplica da imaxe que sae en procesión, publica un folleto coa súa historia e organiza unha peregrinación desde O Rabiño ata Os Molinos. Era 1997. Os Molinos é unha cidade cunha historia secular. Desde mediados do século pasado, grazas á construción e mellora das comunicacións, a súa poboación aumentou e reforzouse polos moitos ourensáns que se mudaron a vivir alí.
Destaca a presenza de familias que viven dentro e preto de Padrenda, todos sabendo da devoción a San Benito.
Con estes precedentes é normal que a chegada da imaxe e a noticia do suposto milagre xeren expectación entre os residentes. E, desde entón, as festas a San Benito medran en importancia.
Hoxe mesmo hai un grupo cultural co seu nome.
A imaxe galega consérvase na ermida de San José, dependente da parroquia da Purísima Concepción. As dúas festas celébranse, como en Ourense: o 21 de marzo e o 11 de xullo, aínda que, polo xeral, trasládanse ao seguinte sábado máis próximo.
E teñen un sabor precioso ourensano, grazas á elaboración de pratos típicos, o “pulpo á feira” e os viños da terra.
Devocións na igrexa do Rabiño
Tanto durante a novena como o día de festa hai o costume de achegarse á imaxe pequena do santo, pasándolle a man polo negro manto, bordeado en dourado, ou un pano, que se pasa pola cara ou un lugar afectado pola enfermidade. Moitos veñen para solucionar problemas de pel. Tamén se soe recoller o aceite do santo, aceite bendecido que se leva para a casa. O fiel levaba unha botella de aceite normal e recollía unha de bendecido. Xa hai moito que non vexo unha, pero nas casas collíase un vaso, botábase un pouco de auga, logo unha boa capa de aceite bendecido e, por riba, unha "mariposa", unha mechiña inserta nunha redonda de corcho e papel. Acendíase diante dalgunha imaxe do santo patrono.
En Louredo hai moitas imaxes do san Benito nas casas, así como a súa novena. Unha luciña, agora xa eléctrica, brilla nos momentos de oración ante a imaxe.
Tamén se comprar exvotos de cera, con forma de corpo humano ou dalgunha das súas partes, significando unha petición ou unha acción de gracias, dependendo se segue a enfermidade ou xa se acadou curación.
Fotos que onte me achegou o párroco
Graciñas, don José Ramón.
Comentarios
Publicar un comentario