Pero que calorciño hoxe, xa dende a mañá! Cun ceo máis despexado que nestes días atrás, o sol pegaba con ganas sobre Louredo e os veciños procuraron madrugar para poder recollerse a mediodía (sobre as 13 h, hora de comer), durmir a sesta e seguir cando baixase o sol un tanto.
Traballos á sombra seguro que non faltan, pero a terriña pide atención e esforzo, polo que saír a ceo descuberto non sempre é unha opción, senón unha obriga. A Lúa está en crecente e cantos seguen o seu ciclo e o aplican á terra e as súas labores, deixan de debullar, por exemplo. Neste tema de lúas non lle buscamos moito intríngulis: se medra, a sachar, repasar regos, arrincar herbas...; se mengua: sementeira, debullar... Tamén hai quen non fai caso disto e aproveita o tempo que ten e o que faga.
A polas tomateiras
Tras sachar e quitar tódalas malas herbas posibles, deixando limpo o terreo onde medran as prantas do millo, tocou regar a primeira hora, para que a auga repouse e non se evapore nin coza as plantiñas. O campo de Pedradas, listo e precioso, con todo o esforzo que iso supón. Así que hoxe, a polas tomateiras.
Van medrando ben, así como o millo, pementos e patacas. A un grupo de cebolas ándalles un fungo naranxa polo tallo e parece que secan. Tamén se expanden que dá gusto as leitugas, das que xa levamos probando unhas semanas, con magnífico sabor e textura.
As tomateiras medran, pero son tallos e ramiñas inda febles, polo que toca dispoñer unhas estructuras que as sustenten conforme medren. Como leven o ritmo das do ano pasado, vaia se medran. Por certo, podádelas, escolledes rama?
Como os regos das prantas xa están listos, só hai que escoller estacas e paus, ademais dunhas follas longas e fortes que se usarán como cordel. Conforme o longo dos regos, póñense máis ou menos estacas. As máis fortes cravadas en terra, verticais, mentres que as longas, máis finas e rectas, atadas en horizontal a dúas alturas. As tomateiras irán estarricándose e poden apoiarse nestes paus. Unha estructura sinxela, con materiais locais, reutilizables e biodegradables.
Os paus seguen a usarse ata que se rompen, mentres que as follas para atar dan para unha tempada, retíranse e descompóñense no chan sen problema.
Terras da Touza
Este ano funas buscar á Touza. Mimadriña, como estaba a herba de alta, ademais de silvas. Apenas se vía o pozo da Touza, cuxa auga se pode enviar cara as terras, a inferior nivel, de Pedradas.
Un bosque! que dicimos cando vemos todo medrado e os camiños apenas se adiviñan. Pero o pozo alí seguía, e con auga.
A fonte de Pedradas
A outra fonte de auga da zona é unha fonte, literalmente, a de Pedradas, que dispón de poza. De pozo e de pinturas contemporáneas dentro da caseta pola que se accede ó manancial.
Si, si, por ese oco hai que meterse a catro patas para poder chegar á orixe e limpala de raíces unha ou dúas veces ó ano. Se non, atúase e a auga vai por outros lados e non circula polo cano, que é por onde nos interesa, xa que os humanos nos beneficiamos do seu cantareiro caudal.
Menos mal que auga non falta e é xeitosa. Así van medrando flores e froitos pola contorna. Como mostra, unha ollada ó Outeiro.
Unha marabilla, verdade? Pero é que estamos no tempo, inda que finalizando, pero no mes das flores, no mes de maio.
O camiño de Pedradas, arte en pedra
A man do home non só foi escollendo e reunindo vexetais, traballando terras e mantendo a auga en movemento. Tamén tallou parte dos muros do camiño de Pedradas e deixou obras contemporáneas comas estas, onde distinguimos formas, persoas, animais...
Comentarios
Publicar un comentario