Recuperando fotos de Louredo e compartindo en liña 30/12/2022

Devala o ano e aproveito para recuperar fotos de Louredo do ano 2017-18, desde a miña conta de Twitter, tan abandonada hoxe, pero daquela moi usada. Pagou  pena buscar o que tiña co cancelo #SJLouredo, precedente do #SXLouredo. Dende hai unhas semanas xa paso de cancelos, jeje, pero o segundo foi moi utilizado por quen che escribe.

Pagou ben a pena e quedou un eco delo no álbum de Facebook de Louredo. Unhas pouquiñas aportacións novas como publicación e moitos novos comentarios, compartindo ligazóns. 

Esto consegue que algunhas vellas publicacións salten de novo á actualidade (Facebook furrula e coloca publicacións no muro xeral por popularidade) e a xente teña oportunidade de coñecelas. O malo que ten e que se ninguén revisa comentarios vaise perder o novo material. De todas, como pasa dende hai tempo, xa adianto que poucas interaccións se notaron. Pero o material aí queda.

 


O atopado non só complementou o xa publicado nestes anos, senón que ampliou o terreo fotografado do pobo, pois redescubrín fotos como unha dun camiño á Alfarrapa (zona nada compartida por un servidor, traballo pendente) e varias de traballos como o da vendima, ata da rama na viña, rodriga, trafega na adega, arada... 

 

Paseando A Alfarrapa, 28/09/2017, auga polo camiño nun verán seco!

Moito fomos de nenos por esta zona do pobo, limítrofe ca Telleira, Soutelo. Destes prados recordo alomenos ter que marchar por motivo de tormenta, naqueles anos que viñan fortes, con despregue potente de aparato eléctrico.


De especial interese foron o par de "fíos" de Twitter que puxen como comentario de fotos relacionadas. Nos comentarios das publicacións de Facebook aparecen cada moito interesantes aportes, xa sexa en forma de recordos, persoas ou circunstancias, datas e así. É marabilloso que alguén se tome uns minutiños e vaia máis alá do "Me gusta" ou dun comentario escaso. Por desgraza, dende hai tempo, a cousa non vai adiante.

O mesmo pasa no grupo de Louredo. En Facebook hai, alomenos, un grupo de Amigos e outro co nome do pobo, ademais dun do coro. Por espazos non hai queixa, o malo é o contido, escaso e case sempre reducido a unha foto ou vídeo, sen texto ou con texto pouco contextualizador. Eu estou como administrador dun deles, pero a verdade é que dan ganas de deixalo. De feito, comprobei que as miñas publicacións, máis ou menos continuas, non son nin de lonxe as mellor valoradas. Por eso sigo facendo forza co álbum. Alí hai Louredo para dar e tomar, sendo conscientes que inda falta moito por retratar e moitísimo máis por escribir.

Esta mesma bitácora podía mellorar un mundo ca participación de outros animosos do pobo ou cun material máis escollido e desenrolado. A ver po ano se consigo algo desto. Polo pronto, unha sombra de todo o que foi e é o meu pobo natal. Algo vai quedando, non si?


Aproveitei para colgar aquí algúns dos aportes de hoxe, como un pequechiño álbum onde atopar todo xunto e ligazóns que nos enriquezan un tanto. Eu, polo pronto, sigo compartindo co desexo de que veñan outros a mellorar e ampliar, cando non a innovar e descubrir o que eu inda non puxen por aquí. 


 

Comentarios