Sexto día de novena a san Xoán de Louredo 2020

Sexto día de novena a san Xoán de Louredo 2020

Pasamos o ecuador da novena e vanse acumulando citas, ligazóns, detalles que nos fan admirar a
riqueza dunha nvena sinxela dun pobo sinxelo. Imos collendo pulos dende o tronco dela e abrímonos á historia e a relixión dende mil ramas que amplían o noso coñecemento e percepción. Polo camiño, quedan tantos outros recordos e sentimentos, como tamén preguntas e incógnitas. Máis tiramos adiante un día máis e fixámonos hoxe no lugar onde se reza a novena: na igrexa de Louredo. Veremos algúns detalles que nos poderán abrir a coñecer outros. O templo, como espacio físico, acolle historia e devoción, permitindo que diferentes persoas vaian lendo nesas dimensións a vida do pobo e dos veciños.Unha construcción sólida, con poucos adornos, sen especiais atractivos, mais con elementos que inda hoxe nos falan.

De todos modos, comecemos polo texto da oración de hoxe. Un texto que, coma os anteriores, pode ser inédito para os que estamos acostumados a escoitar a novena, pero non a tela connosco, a man cando queiramos. Neste camiño de descubrimento e popularización, damos un paso máis, descubrindo e colocando en táboa de comparación, a edición usada en Louredo, a impresa en Valladolid, e a impresa en Montevideo, dixitalizada na Universidade de Uruguay.

A virtude da fortaleza

Seguindo na senda das virtudes, recordamos que, dende o primeiro día, na novena estanse citando e pedindo, pedindo coñecelas e asumilas, especialmente a caridade (primeiro día), tamén unha "viva e práctica fe" (segundo día), unha "firmísima e ben fundada esperanza" (terceiro día), convertirse nun "verdadeiro amante da xustiza" (cuarto día), a prudencia (quinto día) e, hoxe, a fortaleza. Vexamos que nos di o Catecismo da Igrexa Católica nos seus números 1810 e 1808, por esa orde:

1810 As virtudes humanas adquiridas a través da educación, mediante actos deliberados, e a perseveranza, sempre mantidas no esforzo, son purificadas e elevadas pola graza divina. Coa axuda de Deus forxan o carácter e dan facilidade á práctica do ben. O home virtuoso está feliz de practicalas.

1808 A fortaleza é a virtude moral que asegura a firmeza e a perseveranza na procura do ben en dificultades. Reafirma a resolución de resistir ás tentacións e superar obstáculos na vida moral. A virtude da forza faino capaz de superar o medo, incluso a morte, e afrontar xuízos e persecucións. Permite ir ata a renuncia e o sacrificio da súa propia vida para defender unha causa xusta. "A miña forza e a miña canción é o Señor" (Sal 118, 14). "No mundo terás tribulación. Pero ánimo! Superei o mundo ”(Xn 16:33).

A fortaleza da festa a san Xoán

Comparto dous recortes para ver como a festa de san Xoán é moi antiga e foi sobrevivindo a diversas reformas eclesiais.


A fortaleza do templo e campás de Louredo




Hai anos, quizás no 2013, publicáronse as contas da parroquia nun folio e, no seu reverso, unha foto e varios datos sobre a parroquia. Pasou o tempo e os datos e datas que van aparecendo vannos dando unha perspectiva histórica para recoñecer a durabilidade dos elementos. Podemos facer nós tamén memoria e compartir algún fitos importantes, que se verán enriquecidos ca nosa memoria particular, familiar e parroquial. Como non, todos os que o desexedes, pousade aquí fotos, vídeos, recordos e desexos.
A igrexa parroquial, con san Xoán bautista como patrono, foi inaugurada o 24 de xuño de 1913. Pasaran como sete anos, polo menos, desde que se falaba de presupostos, ampliacións e problemas varios. Na revista 'Vida gallega' atopamos unha referencia ó Chollo, o artista arnoiés que confeccionou os altares de Louredo. Era 1921 e nela lemos: "y hasta un enorme retablo que luce, y que admira al visitante en el altar mayor de la próxima iglesia de Loureda". Loureda ben pode ser Louredo, pois quen escribe non era nativo. No 1923 temos o cerrado dos Diestros, conservándose inda a data na columna que delimita a porta para entrar dende O Regueiro. Dese mesmo ano é a campá grande, mirando dende a porta maior, a da dereita. Inda se ve perfectamente cas súas inscricións e lendas, dedicada a  santa María e san José, cunha cruz, como un Calvario, mirando cara o sur-oeste, e símbolos similares a unha custodia co estrelas a ambos lados, mirando cara o norte. Contrasta ca pequena, lisa, sen máis añadido aparente que a inscrición do ano 1953 e o encargado de fundila, que foi na fundición Malingre de Ourense. Neste mesmo ano fundiron a estatua de don Francisco Blanco Nájera, bispo de Ourense, situada no patio central do Seminario Maior de Ourense.

Este tema das campás podería dar para moitos recordos, verdade? Cando tocaban tres veces ó día, ou os diferentes toques, segundo anunciasen morte, ou a administración da extremaunción, ou contra as treboadas, ou a incendio...


Comentarios