O san Xoán de Louredo 2020

O san Xoán de Louredo 2020

Vaise achegando a data de iniciar a novena e celebrar a festa de san Xoán bautista, titular da parroquia de Louredo, pertencente ó arciprestado de Ribadavia, diocese de Ourense. Un santo do que se fala con cariño e de quen non se menta milagre especial, rompendo esa inútil costume de "chulear" de patrono, magnificando situacións persoais e póndoo por riba doutros. De seguro, máis dunha vez escoitamos: o noso santo é ben milagreiro, ou, é máis avogoso co voso... En fin, detalles que entendes, pero que están demais, a menos que medie o bo humor e a comprensión. O dito, que nin fai falta e non atoparedes quen vos enfrente o noso san Xoán ó voso.

Festa san Xoán Louredo

Inda non me comentaron como van facer este ano de pandemia ca novena e festa, así que quedamos pendentes do que crego e pobo me acheguen. Tamén é verdade que faltan uns cantos días, así que podiamos aproveitar para repasar o que hai por aí publicado e, se vos animades, recolleitar recordos e vellas fotos. Porque dicir, hai moito que dicir inda: orixe das imaxes do santo, ano de restauración, se algunha vez procesionaron a maior, patrono da vella capela, se saía lagunha outra vez no ano, se se celebraba tamén o 29 de agosto (con ou sen novena)... Non tendes máis que escribirme ou contarme o que recordedes.

A novena

O san Xoán de Louredo é o Precursor, o bautista, e celébrase o seu nacemento. É o 24 de xuño. Houbo anos que se celebrou o seu martirio, o 29 de agosto. E ata me parece recordar que esta segunda festa foi con novena algún ano, estando don Delmiro como párroco. Outras veces, xa con don José Ramón presidindo, celebrouse misa cantada. Pero non recordo que houbese novena nestes anos. É de recordar que san Xoán ten o honor de dúas celebracións: a do nacemento na carne e a do celestial, cousa que non sucede na liturxia católica, fóra da Virxe e Xesús. Son festas que van asociadas á luz solar: en xuño, cos días máis longos do ano, mentres que en agosto xa van as horas de luz baixando. "Xa se lles nota ós días", din os maiores, sinalando que as noites van ocupando máis tempo.

Ben, antes da festa hai unha preparación de nove días, a novena. Celébrase a misa e rézase a novena ó rematar. A novena ten dúas oracións que se repiten tódolos días: ó inicio da mesma e ó final. No medio, unha meditación diferente cada día, que remata cunha petición de axuda ó santo patrono. Ben se ve que é filla da súa época, nas expresións, na repetición de pedir, pedir e pedir, "obrigando" ó santo a escoitarnos, mais tamén se pide ó fiel que se humille, que se rebaixe, que non queira aparentar diante do patrono e de Deus. Sería imitar ó mesmo san Xoán: facerse pequeno para que Cristo medre.

Ata hai poucos anos, consideraba esta novena como unha obra única, xa que pola contorna non sei doutra igual, nin tampouco atopei copia en Betel, a librería relixiosa diocesana. Pero ultimamente, fun atopando cada vez máis material interesante. Para poder estar ó día, realizo unha nova busca, para poder ter novas perspectivas, antes da festa deste 2020.

A primeira sorpresa é atopar, máis ou menos igual, inda que hai versións, a oración que inicia a novena ("Gloriosísimo san Juan bautista, precursor de mi Señor Jesucristo, lucero hermoso"...) en diferentes lugares da rede. Uns están referidos á oración en xeral, outros a rezos dirixidos ó Precursor e ata o atopamos, pásmense!, en lugares relacionados ca maxia. Tamén hai unha parroquia arxentina que a ten colgada na súa páxina de Facebook. E aparece no programa de festas de 2018 do distrito de Mazamari.

A segunda sorpresa é atopar unha novena similar á nosa... en pdf! ... En Uruguay! Resulta que na parte dedicada ó catálogo de obras dixitalizadas, entre os seus "Primeros Impresos 1839-1849" dispoñen dunha edición dunha novena a san Xoán bautista que podemos consultar ou descargar. Ollo, porque nos dá algúns datos interesantes: que foi redactada por un devoto (sen decirnos quen), que foi impresa en Pamplona (sen decirnos editorial ou librería), que un devoto a reimprimíu en Montevideo, no ano 1842, e que conta con licencia (eclesiástica, suponse, nunha época que non se imprimía cousa parecida sen que antes non lle botase un ollo o censor eclesíastico encargado, que aquí non aparece nomeado, nin o bispo). O libriño contén a maneira de rezar, as oracións de tódolos días, a propia de cada xornada de novena e o cántico de Zacarías, finalizando cos Gozos a san Juan bautista. Moi similar á de Louredo, así que penso que este punto podiamos ilo descubrindo en vindeiros días e publicacións.

A terceira sorpresa é que contamos cun exemplar físico no catálogo da Biblioteca Nacional, situado en Alcalá. Só un. Por eso pedín un presuposto pola súa dixitalización. Desta maneira, poderemos ver se ten algo que ver, ou non ca nosa edición.

O himno a san Xoán é obra de dous sacerdotes, afillados do falecido párroco, e veciño, de Louredo, don Esteban Viso Rodríguez. Antes deles cantábase outro. Polo pouco que recordaba a "tía" Marina, dos Veciños (Louredo), e que me foi contando unha tarde, parecen que cantaban 'Los gozos a san Juan bautista', cuxa letra aparece ó final da nosa novena e da consultada en Uruguay. Sen embargo, sendo curioso e único na zona, o himno actual non é completamente orixinal ou, alomenos, ten un párrafo moi parecido a outro himno, localizado fóra de Galicia. En concreto, estou falando do himno a san José da parroquia de santa Inés, na Ribera de Arlanza, Burgos. Ambos cantos teñen un similarísimo inicio e fin, ademais de estructura. Ese párrafo inicial-final cántase nos mesmos momentos. No medio, dúas estrofas a san José, mentres que eu transcribín nunha sola a san Juan. Pero, claramente, precisa unha reestructuración, xa que a min só me interesaba recoller a letra, sen preocuparme da súa métrica. Así vemos, que comezan e rematan practicamente igual, con estrofas centrais que difiren completamente. Estou en contacto con que recolleu o de san José, para ver se podemos comparar datas de composición e música. Nun primeiro vistazo, parece que colleron o himno e adaptaron parte. Pero é que inda hai outro canto, recopilado polos Misioneros de Cristo Rey, que recolle ese mesmo inicio e unha estrofa similar ó cantado en santa Inés (ten máis estrofas este dos Misioneros e podemos consultar letra e partitura en pdf)

Fotos comentadas

Coloco unhas poucas fotos, recollidas dos meus albums de Facebook para coñecer e ver un tanto en contexto e acción o referente á novena e festa doutros anos.

1. Comparativa entre os himnos citados antes

Comparando o himno a san Juan de Louredo


O prometido é débeda. Aquí vai a comparativa entre a letra do himno a san José da parroquia de santa Inés, na Ribeira de Arlanza, Burgos, e a de san Xoán de Louredo, Ourense. No aire queda a pregunta pola orixe de ambas as letras, a posibilidade dunha fonte común, dalgunha vella oración que se adaptou, de que os autores fosen coñecidos ou que alguén copiase e adaptase a intro. Agradécense achegas. De momento, eu xa estou en comunicación con quen publicou esta letra, nun precioso acto de recuperación de memoria popular.



2. Un momento da procesión e letra dunha oración



Último rezo propio diario da novena a san Juan bautista, conforme se lle reza en Louredo, parroquia do arciprestado de Ribadavia. A foto foi da procesión do seu día de festa no 2019, na parada que se fixo na praza de O Cazapedo. Alí incensouse a imaxe, pedíuselle polos necesitados, cantóuselle e continuou a procesión en silencio.





3. Unha estampa

Estampa san Juan de Louredo, imagen del altarXa ten uns anos, non recordo cando se imprimiron, pero aquí está unha estampa ca oración colecta da solemnidade de san Xoán bautista. Corresponde a foto á imaxe do altar maior da igrexa parroquial. Esta grande imaxe está fixa todo o ano, sendo unha menor a que se saca en procesión e se pon nun lugar visible do presbiterio durante a novena. Hai certas similitudes entre ambas: na pose, no cordeiro pequecho ó lado e, parte, na vestidura, sendo a pequena máis humilde e reducíndose á pel de ovella co cordel como cinto.

4. Imaxe en procesión co milleiro e o racimo

Procesión san Juan bautista día de festa en Louredo

Traio unha foto de procesión da festa do san Xoán 2008 no que se ve un e se descubre o racimo de uvas. Ambas ofrendas son uns símbolos preciosos do traballo do campo e do alimento para vivir. "Con pan e viño faise o camiño", non si? E se é día do san Xoán bautista, con cordeiro e arroz con leite, que eran o prato e o postre tradicionais dese día. A procesión sae antes da "Misa maior", baixa pola Torre, cruza o Cazapedo e tira po Regueiro. Entra nos Diestros e da 1, ou eran 3?, volta arredor da igrexa. Solían poxarse as andas do santo na porta maior do templo. Agora non sei, mais con don Delmiro, q.e.p.d, celebrábase unha Misa a eso das 9 da mañá, "para as cociñeiras", por se non podian ir despois, a mediodía.

Comentarios